Continuando coa análise da evolución demográfica de Galicia, nesta entrada queremos centrar a atención sobre a situación particular da provincia de Pontevedra, sendo válidas para este caso concreto as mesmas reflexións e valoracións realizadas no comentario da anterior entrada do blog.
FIGURA 1

• A provincia de Pontevedra ven mantendo dende 1998 unha tendencia positiva en canto ó número de habitantes rexistrados nos concellos que integran esta provincia, mantendo sempre en termos interanuais incrementos de poboación, se ven nos dous últimos anos percíbese unha importante desaceleración no ritmo de crecemento con respecto ós incrementos experimentados durante os anos anteriores.
• A poboación total da provincia en 2011 chegou ata os 963.511 habitantes, apenas un 0,1% máis que no ano 2010. Tendo en conta o período 1998-2011 o incremento de poboación acumulado é superior a 57 mil habitantes, o que supón un crecemento demográfico acumulado en dito período do 6,3%.
FIGURA 2

• Polo que respecta á provincia de Pontevedra, en 2011 a poboación total provincial estaba por enriba dos 963 mil habitantes, dos cales case o 31% estaban concentrados no concello de Vigo e case outro 9% na capital da provincia, Pontevedra.
• Outros concellos como Vilagarcía de Arousa ou Redondela tamén teñen un peso relevante na estrutura demográfica da provincia, con máis do 3% do total provincial. Así mesmo, tamén Cangas, Marín, Ponteareas, A Estrada, Lalín e Moaña están entre os concellos cunha maior participación en canto a peso demográfico na provincia de Pontevedra, cun peso que varía entre o 2 e o 3% cada un deles. Así, os dez concellos con maior número de habitantes da provincia concentra máis do 60% da poboación total de Pontevedra, mentres que nos restantes 52 concellos localízanse menos do 40% da poboación provincial.
FIGURA 3

• Dende 1998 ata 2011 a evolución da poboación no conxunto da provincia de Pontevedra experimentou un incremento acumulado do 6,3%, mantendo en todo ese período de xeito continuado variacións interanuais positivas, que lle permitiron pasar dos algo máis de 906 mil habitantes a unha poboación total superior ós 963 mil habitantes empadroados. Si ben, compre dicir que foi precisamente o ano 2011 no que ese incremento foi menor, cun crecemento respecto a 2010 de apenas un 0,11%.
• En termos xerais, apreciase unha clara tendencia á concentración de poboación cara ós municipios costeiros e cabeceiras de comarca, mentres que os concellos interiores ou con menor peso continúan a sufrir progresivos descensos no número de habitantes. Así, dos 62 concellos que integran a provincia de Pontevedra, 17 experimentaron un incremento acumulado entre 1998 e 2011 superior ó 10%, mentres que outros 16 sufriron a evolución contraria, con perdas de poboación de máis do 10%.
• A nivel municipal, no período considerado o concello que experimentou un maior incremento demográfico acumulado foi o de Salceda de Caselas, onde a poboación total empadroada no mesmo superou o 44%, mantendo unha tendencia de incrementos interanuais entre o 2 e o 4%. Tamén son moi significativos os incrementos demográficos de concellos como Soutomaior e Ponteareas, onde o crecemento de poboación superou en ambos casos o 37% dende 1998. Así mesmo, concellos como tomiño, Gondomar ou Ribadumia experimentaron incrementos demográficos acumulados entre o 20 e o 30%.
• Polo contrario, a tendencia demográfica foi claramente negativa de xeito xeneralizado en concellos interiores das comarcas do Deza e A Paradanta. Así, os tres concellos que maior volume de poboación perderon dende 1998 ata 2011 foron Agolada, Rodeiro e Dozón, os tres pertencentes á comarca do Deza, con caídas do 34, 32 e 25%, respectivamente. Entre os concellos con maior descenso poboacional a nivel provincial tamén se sitúan tres concellos da comarca da Paradanta (Covelo, Arbo e Crecente), así como outros dous da zona interior da comarca de Pontevedra, como Forcarei e Campo Lameiro.
ENLACES DE INTERESE:
http://www.europapress.es/galicia/noticia-louzan-descarta-fusion-local-pontevedra-corto-medio-plazo-planea-refundacion-diputaciones-20111227183316.html
http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2011/12/20/vigo-alcanza-297241-habitantes-area-gana-poblacion-salvo-redondela-nigran/607647.html
http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2011/12/20/comarca-atenua-progresion-demografica-pese-ocho-municipios-mejoran-censo/607595.html.
Datos oficiais sobre a poboación de Galicia e Pontevedra segundo: sexo, idade, nacionalidade,…