EVOLUCIÓN DEMOGRÁFICA DE GALICIA: REPERCUSIÓN SOBRE A VIABILIDADE DO ACTUAL MODELO TERRITORIAL A NIVEL LOCAL

Vista a evolución demográfica, tanto a nivel autonómico como no ámbito provincial, e tendo en conta os enormes problemas de índole económica e de orzamentos das distintas administracións públicas e especialmente das corporacións municipais, ¿non é tempo de abordar un proceso de reestruturación territorial, fomentando a integración de concellos ou a xestión mancomunada de servizos que permita unha maior eficiencia na xestión dos recursos públicos e unha distribución máis racional do territorio?. Ademais, as proxeccións demográficas de cara ó futuro indican que ó despoboamento do rural vai continuar intensificándose, producíndose unha concentración da poboación nos núcleos urbanos de maior dimensión, especialmente nas provincias de interior.

Nese senso, estase a producir unha ralentización neste necesario proceso de reestruturación a nivel municipal, alegando na maioría dos casos que suporía un deterioro na calidade e eficiencia dos servizos públicos prestados ós cidadáns, ou incluso que a integración de concellos suporía unha importante perda da identidade local. En cambio, unha maioría da sociedade actual móstrase disposta a avanzar nesta liña, convencidos de que a fusión ou mancomunidade de servizos é a única vía para garantir a subsistencia do actual estado do benestar.

Ademais, comentar que sería preciso definir os termos nos que eses procesos de integración municipal se deberían basear, cales son as variables que marcarían os criterios da fusión ou mancomunidade (número de habitantes, densidade de poboación, extensión do territorio, oferta de servizos,…), co cal este proceso reflexivo debería abordarse canto antes.

FIGURA 1

Número de concellos total de Galicia

  • A estrutura territorial da Comunidade Autónoma de Galicia actualmente está dividida nun total de 315 concellos, dos cales 94 pertencen á provincia de A Coruña e 92 á de Ourense, mentres que as provincias de Lugo e Pontevedra divídense en 67 e 62 concellos, respectivamente.
  • Só tres concellos (Vigo, A Coruña e Ourense) contan en 2011 cun censo de poboación superior ós cen mil habitantes, mentres que outros catro oscilan entre os setenta e os cen mil habitantes (Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol).
  • Ademais, o censo de habitantes de 51 concellos galegos varía entre os dez mil e os corenta mil, dos cales 41 pertencen ás provincias de A Coruña e Pontevedra. Esta distribución é claramente indicativa do maior grado de desenvolvemento e concentración demográfica nas provincias atlánticas.
  • Case unha cuarta parte dos concellos de Galicia (un total de 75) teñen unha poboación que oscila entre os mil e os dous mil habitantes, estando maioritariamente concentrados na provincia de Ourense.
  • Dos 92 concellos da provincia de Ourense, un total de 75 contan cun número de habitantes inferior ós tres mil, e de eles 15 nin sequera chegan ós mil habitantes. É dicir, que máis do 81% dos concellos desta provincia non superan os tres mil habitantes.
  • Polo que respecta á provincia de Lugo, a maioría dos concellos (case o 75%) contan en 2011 cunha poboación de entre mil e cinco mil habitantes, mentres que ademais da capital, só outros doce concellos teñen rexistrados máis de cinco mil habitantes no seu censo municipal.

FIGURA 2

Poboación e número de concellos

  • Preto dun cuarto da poboación galega (23,3%) está concentrada nos tres concellos de máis de cen mil habitantes, mentres que en total nas sete principais cidades de Galicia localízase case o 36% da poboación total galega. Esa porcentaxe increméntase ata máis do 51% se temos en conta tamén os concellos cunha poboación entre os vinte e os corenta mil habitantes.
  • Sen embargo, nos concellos de menos de tres mil habitantes, que representan máis do 45% dos municipios galegos, localízase menos do 9% da poboación total de Galicia. En particular, no 30% dos concellos galegos de menor tamaño unicamente reside o 4,5% dos habitantes totais da Comunidade Autónoma.
  • Pódese dicir que, a modo de síntese, máis da metade da poboación galega concéntrase en apenas o 7% dos concellos de Galicia, mentres que os concellos de menor dimensión (aproximadamente un terzo do total) só agrupa ó 5% da poboación galega.

FIGURA 3

Poboación de Galicia

  • A poboación total de Galicia aproximouse en 2011 ós 2,8 millóns de habitantes, experimentando un incremento de case 71 mil persoas máis que no ano 1998, o que supón una variación positiva acumulada do 2,6% no período considerado. Por provincias, A Coruña e Pontevedra son as máis poboadas, mentres que Lugo e Ourense son as que contan cun menor número de habitantes totais.
  • Por outro lado, percíbense as diferentes tendencias en canto a evolución demográfica a nivel provincial comparando os datos demográficos das catro provincias entre 1998 e 2011. Así, mentres que nos casos de Pontevedra e A Coruña, a tendencia demográfica foi claramente crecente, acumulando incrementos do 6,3% e 3,7% respectivamente nese período, as provincias de Lugo e Ourense viron diminuído o seu censo de habitantes nun 4,4% e 3,2%, cada unha delas.

FIGURA 4

Concellos galegos con maior variación demográfica

  • A análise detallada das variacións demográficas acumuladas entre 1998 e 2011 a nivel municipal en Galicia amosa que un total de nove concellos experimentaron nese período unha perda de poboación superior ó 30%, mentres que polo contrario, outros catorce lograron incrementar o número de habitantes empadroados por enriba dun 30%.
  • Entre os concellos que maior número de habitantes perderon atópanse catro concellos da provincia de Ourense (San Xoán de Río, Chandrexa da Queixa, Montederramo e A Teixeira), tres de Lugo (Muras, Navia de Suarna e Ribeira de Piquín) e dous da área interior de Pontevedra (Agolada e Rodeiro), mentres que ningún dos concellos da provincia de A Coruña perdeu unha porcentaxe de poboación tan significativa.
  • Polo que respecta ós concellos cunha evolución máis positiva en termos demográficos, compre dicir que a maioría corresponden a termos municipais nas áreas metropolitanas das grandes cidades de Galicia (A Coruña, Vigo, Ourense e Santiago de Compostela). Nesta situación atópanse oito concellos da provincia da Coruña (destacando especialmente o caso de Ames, cun incremento acumulado entre 1998 e 2011 superior ó 100%, é dicir, que duplicou a súa poboación), tres de Pontevedra e outros tres de Ourense (sendo tamén especialmente relevante o caso de Barbadás, onde o crecemento demográfico é próximo ó 75%).

Enlaces que poden ser de interese:

1 Responses to EVOLUCIÓN DEMOGRÁFICA DE GALICIA: REPERCUSIÓN SOBRE A VIABILIDADE DO ACTUAL MODELO TERRITORIAL A NIVEL LOCAL

  1. […] Continuando coa análise da evolución demográfica de Galicia, nesta entrada queremos centrar a atención sobre a situación particular da provincia de Pontevedra, sendo válidas para este caso concreto as mesmas reflexións e valoracións realizadas no comentario da anterior entrada do blog. […]

Deja un comentario